top of page

As voces de Malvela

Os músicos de Malvela

         SEÑORA CARMEN. Ten unha voz moi persoal, telúrica, pegada á terra. É solista de Malvela e ademais ten editado un disco en solitario: Na Flor dos meus anos. Sabe todas as letras e ten a virtude de cantar non só coa voz senón tamén co pensamento. Ela é a que ten máis xuventude acumulada, a de máis idade mais sempre con boa disposición para ensaiar e para a conversa. Cantar mudoulle a vida.

         AURI. Faladora, simpática e o sorriso máis aberto e espontáneo de Malvela. Goza da vida, das plantas, das longas camiñadas polas mañáns, dos concertos e dos ensaios. Hedonista onde as haxa, tamén é unha peza clave do grupo. Cando non está, nótase moito.

         TERESA. Inxenua, xenerosa e alegre. Gústalle a boa conversa, vestir de cores, a música e tamén colaborar no que sexa preciso para o bo funcionamento do grupo. Ten moito sentido do humor e está sempre contenta e disposta a viaxar e a contar historias.

         FITA. Grande nadadora, vitalista e boa cociñeira, amante da boa música e organizadora de vocación. Puntal necesario no grupo, é moi disciplinada e carismática. Nai de Raquel, Ana e Uxía... Ahhh... E sogra de Pablo...

   CLARA. De Mosende. Ela é a personifica-

ción da tenrura, a que máis romances sabe trans-mitidos pola súa nai Dorinda, de quen tanto aprendemos, a quen tanto agradecemos. Ten unha memoria prodixiosa para as coplas e a música que se cantaba nos fiadeiros. Ensaiamos na súa nobre e xenerosa casa, que sempre foi e será a nosa tamén, coas plantas, os animais, o pan de millo, o traballo no campo e na costura.

   ADELA. Nunca ten frío. Gústalle traballar no campo, falar, bailar e animar unha noite de troula. Polo entroido sempre se viste de mascarita e ten unha bonita voz. Séntese moi de Sanguiñeda e coñece cada recuncho da parroquia.

         CARMEN. De orixe portugués e timbre de voz precioso, ela sabe aínda moitas desas pezas raianas que tanto nos prestan e ademais é dona da retranca e do humor máis requintado. Malia que se nos foi de Sanguiñeda para O Porriño, leva esta parroquia no corazón.

         SILVINA. Xenio e figura. Lánzase á pista de baile con brío e graza e ten unha fermosa teoría: "non enfermaremos mentres cantemos e movamos pés, corpo e brazos". Especialista en rumba e dunha enerxía contaxiante que comunica moi ben co público.

         DINA. Sorriso encantador, é unha das que máis disfruta dos ensaios e dos concertos. Desenvólvese ben co coiro e en xeral coa artesanía. Dáselle ben inventar coplas enxeñosas e facilitarlle a vida ao seu entorno.

   LINA. Gústalle pintar, cantar e presentar ao grupo. É moi discreta e sempre atenta nos ensaios. Observadora, cariñosa e traballadora. Vive no camiño da Cerámica e a súa casa está sempre colorida con hortensias e flores.

   MARUXA. A que aturuxa e a máis alta do grupo. Peza punteira e unha das fundadoras. Sabe moitas cancións lindas e sempre está lista para unha festa e un baile. Desde o principio, apostou por Malvela e goza como unha nena cos pasodobres e as muiñeiras.

         CARMIÑA. Filla de Clara. Sen dúbida, a máis simpática do grupo, de riso contaxioso e moi pillabana. Como a collas nun bo día, non para de encadear unha historia con outra. Chora moito, pero de risa.

E máis...

        GUSTAVO DOMÍNGUEZ. Un acordeonista brillante, con garra e a columna vertebral do grupo. El é do Rosal e estamos felices de contar con él e de disfrutar do seu poderío musical.

          RAQUEL DOMÍNGUEZ. A máis nova do grupo naceu no mesmo día que a máis vella, a Señora Carmen. Leva a música no sangue e é unha gaiteira excepcional, peza fundametal para o son Malvela. No grupo toca frauta tamén e pásao moi ben con estas mulleres coas que leva tantos anos de música e aventuras. Dá clase de música en Chapela.

   PABLO CES. O mellor bombeiro do país. Sentido do ritmo, moito sentimento e o seu carácter extrovertido e alegre fan da súa figura emblema de Malvela. Pertenceu ao grupo os Cempés pero raptámolo un bo día e desde aquela primeira vez en Bembrive acompáñamos para alegría de todas. Un luxo.

          ANA SENLLE. Directora do grupo e profesora de música, ensaia as nosas voces e ten unha paciencia infinita para que soemos afinadas. Ten un gusto exquisito para escoller repertorio. É solista do grupo e canta moi lindo, con dozura e moitos anos de voo na música tradicional, ademais de ser unha virtuosa pandereteira. Estámoslle moi agradecidas polo traballo cotiá e arduo.

        ANXO PARDO. Da Pontenova (Lugo), el é o noso percusionista. Toca tambor, tarrañolas, pandeiro, culleres e o que se lle poña por diante. É profesor de percusión tradicional. É moi estudoso,  disciplinado e bo músico. De cando en vez usa o seu humor para presentarnos e disfruta moito con nós e as nosas ocorrencias.

   SÉRGIO TANNUS. Brasilego que aterrou en Malvela para achegar o seu virtuosismo, as súas harmonías e tamén o seu sorriso permanente e  radiante. Con el viñeron tamén o forró e a muiñeira con pandeiro e cavaquinho. Acaba de editar un disco que está tendo moi boa acollida: Son Brasilego.

   UXÍA. De Sanguiñeda. Madriña do grupo e produtora. Se de algo se sente orgullosa é de ternos animado a que saísemos das nosas casas para pisar escenarios e facernos máis levadeira a vida coa súa alegría contaxiosa. Colabora con nós en directo sempre que o seu oficio de cantora llo permite.

          PAULO CES. O máis novo, con tres aniños, sempre que nos acompaña sobe ao escenario como un auténtico profesional. Aínda que non pertence ao grupo, xa está aí pisándolle os talóns dos músicos. Pide o seu cable e disfruta da música coma poucos. Fillo de Pablo e Raquel, bombeiro e gaiteira respectivamente, tiña que saír a forza tamborileiro.

          ROSA SALGADO. A nosa nova manager, unha muller con moita experiencia neste eido e que chegou en boa hora para tomar conta destas forzas da natureza. Xa está traballando para que paseemos a nosa música pola raia con Portugal, en terras galegas ou onde nos reclamen. Aínda que non será tarefe fácil nos tempos que corren, xoga coa baza de que Malvela é moi popular e que conta con moitos fans e seguidores. Benvida!

          ESME E MOI. Levan a nosa comunicación con esmero e moito cariño polo grupo. Claro que no caso de Moi é ben fácil. É listo e de Sanguiñeda e é parella de Esme. Casal que nos vén como auga de maio para contar quen somos e como é a nosa música. Grazas tamén.

         PACA. De ollos azuis e das Pontes, ela leva xa toda unha vida no Val da Louriña e sabe cantar e bailar con gusto e alegría. Gústanlle os seráns e tamén cantar con Fonteliño e tocar a pandeireta nun pasarrúas, nos escenarios ou nas festas que se improvisen.

         CHOLA. Choqueira, traballadora e moi amante da música que lle vén da rama paterna, vinculado o seu pai ás Rondallas de Redondela como autor tamén das letras. Estuda linguaxe musical e as súas afeccións están todas elas relacionadas coa súa gran paixón: a música.

   MARUJA. Unha das máis fermosas voces de Malvela. Ela naceu con vocación de cantadora e ten o don da boa interpretación. Recén chegada ao grupo, xa empatou con todas e ten moitas ganas de poder mostrar o seu talento. Cumpriu o soño da súa vida, cantar nos escenarios. Di que ha de morrer cantando xa que chorando naceu.

         SUSI. Naceu en Sanguiñeda e durante moitos anos foi perruqueira. Comenzou tocando nas manifestacións de Nunca Máis a pandeireta e xa non parou desde aquela .Guapa, con estilo e moita vontade de viaxar co grupo, cantar, celebrar a vida e gozala cada segundo. Un exemplo de coraxe e alegría que admiramos todas.

bottom of page