top of page

Cancións da terra, mulleres de voz

Cantaban nas súas casas, tiñan nos seus corazóns as cantigas das avoas e un día puxéronse a facer festa con elas para achegarnos o seu tesouro musical. Malvela ofrécennos as cancións que veñen da terra.


Somos a música que creamos, as cancións que moitas voces interpretaron a través dos tempos, as melodías que nos identifican. Somos Malvela, música con enerxía para que os cantos tradicionais, eses que aprenderon de corrido cando eran nenas, sigan a facer festa, a ser patrimonio vivo de todos e todas, a engaiolar coa súa beleza e ritmo.

 

Malvela son varias xeracións que se xuntan para transmitir o máis rico legado, cantigas interpretadas en celebracións tradicionais que agora elas recuperan para levar aos máis diversos escenarios ou para que soe nas nosas casas a través dos seus discos.


O segredo do éxito de Malvela descóbrese ao velas cantar. Cando danzamos cos ritmos que nos transmite este grupo de mulleres que vai desde os máis de oitenta anos da Señora Carmen ata os trinta e pico de Raquel Domínguez, dámonos idea de que a nosa música tradicional non entende de idades, móvenos en todo tempo, forma parte de nós.


Cando un grupo de mulleres se anotou no curso sobre cantos populares dirixidos pola cantante Uxía na aldea de Sanguiñeda (Mos), ninguén presaxiaba cal ía ser o resultado. Aquela actividade ía dar na creación de Malvela un divertimento que iría moito máis alá ata gravar discos, montar espectáculos, facer xiras máis alá das nosas fronteiras e sorprender no panorama musical galego. A frescura, a enerxía, o entusiasmo destas mulleres que saen das súas casas para facer festa e o engado das cancións tradicionais están na base do seu éxito.

Cunha década de actuacións nas súas costas, Malvela visitou un feixe de escentarios, pero son recoñecidas tamén polas súas múltiples aparicións televisivas. Por este medio popularizouse un dos temas do disco Da miña xanela á túa, o rabioso “Pirimpimpín” que é a banda sonora da existosa serie Padre Casares e que nada máis soar ten a virtude de facernos mover os pés e as bocas.

O último disco de Malvela, gravado en directo, é Raianas, no que o grupo plasma o seu afán de irmandade con Portugal e o Miño. Malvela soa mellor 'ao vivo', aí reside a súa esencia e a súa razón de ser. Elas disfrutan do calor do público e están máis 'á vontade', como dirían os nosos veciños portugueses, cantando para a súa
xente, bailando, aturuxando e amenizando a festa.

bottom of page