top of page

Gosto de Malvela, da flor da malvela, do arrecendo da malvela. É un arrecendo a limpo, a casa feita, a comida rica. Gosto do nome Malvela, nome de illa mítica, de arquipélago; o Arquipélago das Malvela, no mar de Mos. Para mariñeiros, Mos; para mariñeiras, vós. Gosto das Illas Malvela, cheas de verde, de nenas e nenos correndo, xogando; roupa a clareo. Deberíades crear a vosa liña de perfume: “Eau de Malvela”, que na tele dirían “Eau de Malvelá”; cun toque a fiúncho, e outro a cravo mesmo, o cravo portugués, verde e vermello.
Sede vós mesmas esta noite, Malvela, vós mesmas, disfrutade, aprendédenos a vivir, a botarlle Malvela á vida, á boa vida, a “vida Malvela”.
Dicide todas e todos comigo: viva Malvela! Raianas!

Carlos Blanco

Moito me prestan as Malvela porque son unhas grandes artistas. Porque reparten talento e alegría a eito. E porque enriba dos escenarios teñen máis picardía que Sarita Montiel. (...) As rapazas de Mos son lindas e rebuldeiras. Sobre todo rebuldeiras. Danlle á saia para facer as ondas e baixa o Miño cantando encantado camiño do solpor.
Música grande a da natureza! Viva a flor da Malvela que nos dou, sorrisos de auga, tan fermosa revolución!

Xurxo Souto e Sofía de Labañou

O máis sorprendente foi que saíran das súas casas e nos regalasen a súa sabiduría e a súa humanidade. Ás veces esquecemos cal é o verdadeiro sentido da música: a comunicación, o divertimento, a alegría que nos proporciona.

Por iso Malvela é máis que un grupo. Sempre souberon facer da vida arte e festa, unha oportunidade para a celebración. Vaia o meu brinde para que elas sigan contaxiándonos a súa vitalidade, forza e poderío.

Uxía

Como lume novo que prende agora, nace Malvela (...). Como sangue novo nas polas do sanguiño, por nós corre a música e os cantares coma seiva. Por iso somos mulleres preocupadas por rescatar os cantos vellos da nosa bisbarra. Non queremos deixar morrer o noso rico patrimonio musical e cultural.

Dorinda Castro

Malvela ten calidade e cantidade, tanto que ás veces non cabemos nalgúns escenarios. O éxito está no entusiasmo, e nós témolo. Teño a sensación de que estamos a facer algo importante: mergullarnos na tradición galega coa música, co canto e coa linguaxe, porque se para Malvela cantar é importante, facelo en galego é necesario.

Lina

A señora Carme, o proxecto Malvela, son unha das mellores noticias da cultura galega dos últimos anos. Voces de mulleres  nunha aldea galega, nova vida para as cancións populares, espírito comunitario, entusiasmo e vitalidade na plenitude da vida. (...) Simbolizan mellor que ningunha outra expresión o poder transformador da cultura e da música, a súa capacidade para xerar benestar, harmonía e felicidade.

Luis Bará

bottom of page